A Guarda custodia a súa cultura marítima

É o primeiro concello de Galicia que implanta a figura dos “Tesouros Vivos” da UNESCO.

Oficios que se exercen na Guarda como os de recolección de argazo, o dos mariñeiros, patróns de baixura e de altura, marisqueo e as redeiras, teñen asegurada a súa permanencia na memoria e divulgación, grazas ao proxecto de protección de patrimonio inmaterial encargado polo Concello á Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!. Desde o pasado mes de decembro desenvólvese este labor que abarca tamén os oficios perdidos.A identidade dun pobo está viva na memoria colectiva, que nalgunhas ocasións se difumina ou dilúe. A Guarda non correrá ese risco coa súa cultura marítima, pois desenvolve un proxecto de recuperación e savaguarda dese patrimonio inmaterial. Céntrase en oficios como os de recollida de algas, o dos mariñeiros, patróns de baixura e de altura, marisqueo e redeiras, que quedarán inventariados nun traballo divulgativo que desenvolve a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, de acordo coas recomendacións que establece a UNESCO.

Dentro do mesmo traballo tamén se recuperará a ciencia de oficios desaparecidos, como os de veleiros e “cordoeiros”, e outros que están preto de desaparecer, como é o de carpintaría de ribeira. O traballo que se realiza culminará cun vídeo documental e a edición dun libro con todo o material recolleito e conclusións, ademais de exposicións (hai unha de fotografía prevista para o mes de xullo, na Festa dás Tradicións Mariñeiras da Guarda) e actos de divulgación en centros educativos da Guarda e a elaboración dunha páxina web que será o punto de partida inicial para a difusión de todo o patrimonio do municipio guardés.

Santiago Veloso, presidente da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!, explica que para realizar este labor segundo as recomendacións da UNESCO, cóntase coa participación das comunidades e os grupos, xunto con individuos que crean, manteñen e transmiten este patrimonio vivo.

A UNESCO recoñece como Tesouros Humanos Vivos a aquelas persoas que son portadoras dun saber ou habilidades excepcionais para a comunidade na que conviven e que se transmiten ou se transmitiron por substitución xeracional de forma oral. Entre os testemuños recolleitos até agora están o de Enrique Gómez “O Maya” (cordoeiro), Laudelino Rodríguez “Lino” (mariñeiro de 84 anos), a “redeira” Rita González e a “argaceira” Mercedes Lomba.

Este proxecto foi presentado polo Concello da Guarda ante o GAC-7 para o seu financiamento como proxecto non produtivo orientado á conservación do patrimonio marítimo. O plan está apoiado por colectivos como a Confraría de Pescadores da Guarda, Asociación de Redeiras Atalaia e Organización de Palangreiros Guardeses, que colaboran e identifican a Tesouros Vivos.

Fonte – Faro de Vigo

Close Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *