A memoria do mar

Se hai espazos onde a vida estivo asociada ao mar, A Guarda ten probas evidentes e documentadas da relación das comunidades humanas co mar. Desde o achado paleolítico de Camposancos, camposanquense, aos cuncheiros presentes nas ladeiras do monte Santa Trega encontramos abundantes pegadas da relación co hábitat marítimo.

O “Cabo do mundo” ou “Boca do Miño” presenta un espazo delimitado claramente como unha cala pechada polo norte coas penas da Robaleira e polo Sur co malecón do Baloeiro. A Vila foise sobrepondo á  baixa na que tradicionalmente viviron os mariñeiros no barrio da Marina. Da vila de A Guarda temos acordos de pesca co Mosteiro de Oia nos séculos XII e XIII.

O colectivo das atadeiras “Atalaia” evoca, na súa denominación, a existencia dunha construción deste tipo de carácter militar construída no porto e que tamén serviu de faro. Desde os tempos protohistóricos, as comunidades de piscatorias asentáronse no barrio mariñeiro conformando un núcleo con fortes lazos de cosanguinidade e tamén con abundante presenza de familias portuguesas, fundamentalmente da Povoa de Varzim (Poveiros ou Barqueiros).

A rúa dos malteses pode facer referencia á “malta” portuguesa (grupo de traballores) ou embarcación maltesa encallada nunha tempestade. O mar presentouse sempre diante dos ollos dos mariñeiros coma un desafío que servía como sustento esencial para as familias. Esta actividade era completada co cultivo das pequenas leiras que se erguían na parte alta da vila e que estaba reservada para as mulleres que ademais recollían o argazo para estercar as leiras. Na monte do Trega apareceron poutadas de redes. Estes pesos son mostras da importancia que  as redes tiveron sempre na cultura marítima. As agullas, os panos, os boureles, as cortizas, as cordas, os pandullos, o nylon…palabras que ataron a memoria dos mariñeiros de A Guarda.

Mulleres (e tamén homes) que foron transmitindo os seus saberes desde as chavolas da ribeir aos baixos das súas casas ou en galpóns e naves onde desenvolven este labor fundamental para o pesca, tanto no río coma no mar. Ao principio fiábase o liño e o cánabo dándolle o trouso adecuado para facer os fíos. Nestes fiadeiros  cantábase e desenvolvíase unha intensa relación social. Os cordoeiros proceden de Portugal, sobre todo da Póvoa de Varzim, e instálanse primeiramente na Alameda e máis tarde van montar os seus propios talleres, chegando a existir tres cordelerías en A Guarda.

Cardábase o liño, o cánabo e mesmo o sial da palmeira. As redes había que entrallalas e encascalas. Para iso había que buscar a casca de salgueiro e poñela a remollo en pías, algunhas comunais, como as da Fonte da Ribeira, da Roda ou da Robaleira.

O machucado da casca era tarefa de mulleres aínda que tamén había homes a xornal. Esta casca era fervida en potes ou caldeiras para botala de seguido en pilóns onde se tintaban as redes. O secado das redes facíase en longos varais que se estendían polas balcóns e casas dos mariñeiros. As redes eran tamén “bendecidas” con ditos e rituais para que trouxeran boa pesca. “Santísimo Sacramento, todo o malo vai para fóra, todoo bo veña para dentro”.

Cada rede tiña o seu nome. Desde unha casea que podía ter dous quilómetros de lonxitude a outras como a boeira, a bragadeira, a terceira, a catreira, a cinqueira, o xeito, as raeiras, os rascos, os mollo, as lampreeiras…E cada aparello leva a súa marca, a marca da familia. A dureza da vida dos mariñeiros mostrábase con toda crudeza nas épocas máis duras do inverno onde chegaban a pedir para comer. Mais tamén había tempo para o lecer, xogando ás cartas na taberna ou, os máis novos, con batallas de pedras da Mariña para a Sobrevila.

Entre os costumes da vida diaria, nos casamentos hai melloras, lances e dotes de redes. No tempo dos botes volanteiros, a partir dos 14 anos, xa había mozos nas embarcacións. Pero estas embarcacións de grande porte  foron deixando paso a outra tipoloxía máis fácil de varar e de manexar: a gamela, a embarcación máis adaptada ao espazo guardés.

Unha embarcación que mostra a aplicación da sabiduría popular na construción dun barco que se adapta á navegación nun mar aberto, coas súas catro proas e a vela, boga segura nun mar bravo.  A súa orixe pode remontarse ao século II d.C. segundo algúns investigadores. Co nome de masseira, a gamela foise estendendo polo norte de Portugal.

E é das mans dos carpinteiros de ribeira de onde saíron centos e centos de gamelas. Os estaleiros de Camposancos foron as factorías desde onde saíron toda unha diversa tipoloxía de embarcacións. E os veleiros na praza de Chan do Conde ou na porta da igrexa a cortar os panos de ala de pardela. As marcas das embarcacións constitúen un sinal de identidade de cada unha das familias mariñeiras tanto de A Guarda como do Norte de Portugal. Entre as marcas guardesas encontramos estrelas, cruceiros, peites, mastros, plumas, etc. Cada unha destas marcas é o brasón da familia e a súa transmisión réxese por estritas  regras xenealóxicas. A relación de parentesco de moitas familias de A Guarda e a Póvoa fixo que moitas destas marcas coincidisen e correspondesen coa orixe familiar por veces xa esquecida. A sabiduría dos mariñeiros de A Guarda, aplicada ao territorio onde desenvolven a súa actividade, foi transmitida de xeración e en xeración e maniféstase claramente na observación das nubes, das ondas do mar, das fases da lúa, do voo das aves ou da dirección dos ventos para saber como facer a saída ao mar.

Así empréganse expresións como o bicho para referirse ás nubes que traen o mal tempo, o malloucón cando o mar é groso, a maruxía como mar duro ou a reseca cando hai un medio mar. Estes saberes tamén orixinaron crenzas que se asociaron á boa ou mala sorte. Supersticións que orixinaron ritos para previr males. O símbolo máis frecuente é o Sansolimón, a estrela de cinco puntas debuxada dun só trazo, que dá boa sorte. Tamén son frecuentes as estrelas de seis puntas, as cruces ou os círculos. Empréganse amuletos como as ferraduras, os allos, os cornos de carneiro ou ramos de acevro.

Estas prácticas e crenzas, transmitidas oralmente, constitúen todo un saber que se mantén en moitos dos traballos e rituais diarios. Lendas como a do Lubisón, contos de baleas ou de mariñeiros e demos, son  mostras do patrimonio cultural que gardan as persoas portadoras destas prácticas e saberes.

Bouza Brey recolleu a tradición dos pescadores portugueses que trazaban as súas marcas na porta da capela do monte Trega e despois desde o mar invocaban a protección da Santa con este tipo de cantigas:

Close Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *