A pesca artesanal

Perigo, pobreza e coraxe poderían simbolizar o estandarte do oficio de mariñeiro. Como porto de mar aberto, A Guarda impuxo o espírito de sacrificio como principal condición a toda persoa que decidira buscar a vida no mar. “Remar e remar” era o lema dos primeiros anos, cando as gamelas saían na procura do peixe, a lagosta ou o argazo, provistas de redes co pulo dos remos e, ás veces, dunha vela. Só unhas poucas familias tiñan barcos a vapor: o San José, o Jorgina, o Miniño, o Camposina, o Leiteiro, os Emilios, o Jalán, o Cangrena e o Consuelo.

O verán era a época de maior actividade pois as fráxiles e desprotexidas embarcacións facían case imposible a pesca de baixura no mar do inverno. Aproveitar a zafra permitía gardar algúns cartos para a casa; salgar e secar un pouco de peixe aplacaba a fame durante a estación fría. As familias complementaban co argazo ou algún traballo en terra a desocupación que abranguía varios meses ao ano na pesca de baixura. Se a necesidade golpeaba máis do resistible, as augas Miño abríanse como unha alternativa na pesca do sable ou da lamprea.

As poucas familias que tiñan acceso á compra dun barco a vapor podían complementar os ingresos con capturas en augas máis protexidas, como as das rías do país. Sen embargo, a historia do oficio recolle un pesado lastre: a perigosidade do mar.
Os mariñeiros son herdeiros dunha tradición milenaria que combina unha variedade de saberes adquiridos ao longo dos anos e que fixeron posible desenvolver con éxito o seu oficio así como o crecemento e desenvolvemento do sector e da economía local. Manter á familia era o eixo sobre o que xiraba a coraxe dos mariñeiros guardeses.

Close Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *