As cordas

O oficio tradicional de cordoeiro/a desapareceu xa en A Guarda por mor da inviabilidade económica dos talleres artesáns ante a chegada de produtos máis industrializados. No século pasado, o concello albergou tres grandes cordelerías que chegaron a dar emprego a preto de 30 persoas, principalmente mulleres. Os mestres deste oficio eran de orixe portugués vidos da Póvoa de Varzim no distrito de Porto: Álvaro Maya, O tío Xoaquín e Reinaldo.

O crecemento da flota pesqueira de A Guarda estimulou a demanda de cordas e fíos que estes tres obradoiros abastecían para a construción de redes e artes de cabotaxe. O cánabo que se traballaba nun principio a campo aberto e logo en edificios estreitos e alongados (duns 40 metros), comezou tamén a ser enviado ao porto de Vigo e ao norte de Portugal.

Durante a posguerra o cánabo, procedente na súa maioría de Alicante, tamén foi o salvoconduto para a entrada de contrabando de produtos como a fariña, o pan ou o café, moi escasos na época. As cordelerías tiveron a primeira gran crise coa chegada do nylon inglés que tamén era traído de Portugal de contrabando, nas primeiras partidas. A conversión a este novo material non foi posible nos talleres do tío Xoaquín e Reinaldo, que tiveron que pechar.

Só a cordelería do Maya foi capaz de evolucionar e manterse traballando co plástico até a chegada do século XXI, cando os procesos industriais e informatizados (“o sistema americano”), rematou por facer inviable a supervivencia do modelo artesán.

Close Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *