As redes

O oficio tradicional de redeira iniciábase a idades moi cedas e vinculado principalmente ás mulleres. Apenas as nenas adquirían as destrezas para deletrear as primeiras liñas dun libro, ás veces antes, e xa comezaban a encher agullas ao carón das súas nais. Fillas de fogares mariñeiros, o “progreso” das aprendices simbolizábase cando xa dominado o atado e reparación das redes, pasaban a traballar fóra da casa, nas chabolas dos peiraos na procura dun “cuarterón” do xornal do que gañaban as redeiras con experiencia.

A historia e evolución das artes das redeiras estivo en boa parte determinada polos cambios na materia prima dos fíos: cánabo (algodón), nylon e tanza.
A construción e mantemento das redes de cánabo, implicaba tarefas adicionais como o “encascado”, lavado (endulzado) e secado. O lavado das redes con auga doce realizábase inmediatamente despois da chegada das gamelas do mar, coa fin de retirar o salitre do tecido que posteriormente se estiraba para o seu secado. Por outra banda, o proceso de encascado tiña lugar antes e despois da pesca, co fin de tinguir as redes cunha solución a base de casca de salgueiro ou piñeiro moído e cocido. Ambos procesos evitaban o apodrecemento das mallas tras a faena, e unha mellor conservación das redes durante o almacenado invernal.

A chegada dos materiais sintéticos como o nylon e máis próximo no tempo, a tanza, eliminaron os tediosos procesos anteriores. Aínda así as horas de traballo non diminuíron. A demanda de panos de gran tamaño e as posteriores reparacións, precisan aínda da man de obra artesán.

En A Guarda, o oficio de redeira existe na actualidade grazas a un grupo de mulleres que mantén pequenos obradoiros. Como o resto dos oficios tradicionais mariñeiros, ten problemas co relevo xeracional por mor das longas xornadas de traballo e a escasa remuneración obtida a cambio.

Close Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *