Diplomados como patrimonio guardés

A presentación do proxecto para a recuperación e transmisión do patrimonio marítimo inmaterial do Concello de A Guarda, realizado por Ponte nas Ondas, incluíu o recoñecemento ás persoas portadoras que colaboraron na recuperación da memoria sobre antigas profesións.

Recibiron un diploma e un vídeo do documental recentemente estreado.

O proxecto para a recuperación e transmisión do patrimonio marítimo inmaterial do Concello da Guarda presentouse publicamente o venres nun acto que incluíu o recoñecemento ás persoas, tesouros vivos, que fixeron posible este traballo realizado pola asociación Ponte nas Ondas, en colaboración co Grupo de Acción Costeira, GAC-7 e o Concello da Guarda.

Homes e mulleres de diversas idades achegaron información sobre os seus antigos oficios que se recollen nun documental estreado onte e na web www.patrimonioaguarda.org , visualizado en parte no acto inaugural. Todos eses testemuños figuran nun libro que se presentará máis adiante. Beti Rei, de Radio municipal de Tui, conduciu o acto onde o alcalde, José Manuel Domínguez Freitas, resaltou a riqueza destas tradicións e o labor realizado por colectivos que as recompilan, como Anabam, o grupo de redeiras e a iniciativa da Mostra dás Tradicións Mariñeiras.

Resaltou o papel do Concello da Guarda como “pioneiro na recolla de patrimonio inmaterial” e anunciou un novo traballo para amplialo ao ámbito da agricultura, coa Asociación O Percamino e quen queira colaborar. Interveu Elena Herbello, xerente do GAC-7, para explicar o investimento realizado neste proxecto. O presidente de Ponte nas Ondas, Santiago Veloso relatou o inicio, cando a UNESCO decátase de que “desaparecen antes as persoas que as pedras”, polo que é preciso “salvagardar os seus saberes que son máis efémeros que o material”. De aí a gran colaboración dos portadores do patrimonio inmaterial. Estreouse a banda sonora do documental, a cargo de Tino Baz, Luís Lechuga, Gustavo Domínguez e Víctor Fuggetto e posteriormente coa actuación do grupo miñoto “Da outra margem”.

Publicado no Faro de Vigo

Close Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *