Limiar

 “ O portiño do Sollás
é un portiño dos mellores,
se non fora pola Luisa
entrarían os vapores.

Estes catro versos recítaos unha persoa de Camposancos e corren o risco de perderse para sempre se ninguén se preocupa de recollelos en libro, CD ou calquera outro soporte. E como estes, milleiros. E non só cantigas; tamén lendas, refráns, relatos históricos ou de ficción, experiencias, etc. Isto en canto ao patrimonio inmaterial, porque o material perdeuse ou estragouse en boa parte.
Cando hai uns anos se organizou a 1ª Mostra das Tradicións Mariñeiras alguén, con moito acerto, pensou que tiñamos por diante o reto de recuperar todo canto puideramos do patrimonio mariñeiro, tanto material como inmaterial. Diso temos xa un material moi valioso e, en parte, único. Que fermoso documento o que recolle unha simulación de poxa na nosa lonxa, poxa a viva voz feita polo último home que empregou este método !
Feitas estas primeiras incursións no patrimonio inmaterial, era preciso facer un traballo máis sistemático. Aproveitando unha axuda europea a través do GAC 7, Ponte…nas ondas! levou adiante o proxecto chamado “Recuperación do Patrimonio Marítimo Inmaterial do Concello de A Guarda”, que hoxe toma concreción e damos a coñecer. Penso que é un fantástico traballo que preserva o noso patrimonio inmaterial mariñeiro e que ten que servir de acicate para facelo noutros eidos.
Grazas a Ponte…nas ondas! polo traballo feito; e un profundo agradecemento ás persoas portadoras, auténticos “tesouros vivos”, que nos contaron, o que saben. Grazas a eles todos nós somos hoxe un pouquiño máis sabios.

José Manuel Domínguez Freitas
Alcalde de A Guarda

Close Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *