Laudelino Rodríguez Pérez (1928)

Laudelino Rodríguez Pérez (1928)  .- Mariñeiro

Laudelino Rodríguez Pérez (1928) .- Mariñeiro

os trasmallos
déronlle a vida
a este pobo.

Acompañaba ao seu pai desde os 8 anos.  Lembra que “daquela botábanos ao mar de pequeniños para que se acostumaran e logo non se marearan”. Pescaba fanecas e pacháns que logo vendía na praza, “porque non había lonxa”. Aínda cativo, a xornada comezaba ás 5 da mañá. Navegaban a remo até Portocelo e traballaban até as 4 ou 5 da tarde. O único alimento era un cacho de pan e algún sorbo de viño até que chegaba a cea. “Alí andaba eu, descalciño, cos pés metido na auga en pleno inverno”, sinala.

Na súa memoria, o inverno é sinónimo de miseria. Os barcos grandes fuxían da costa de A Guarda e as gamelas “subíamolas” á parte alta da aldea. Recorda a liña portuaria con casas pequenas e baixas. Sen máis transporte público que dous taxis, o resto da mobilidade reducíase ao que aportaban as gamelas. Agrega que o progreso chegou coa evolución dos barcos e a pesca. Entende que A Guarda medrou grazas ao traballo mariñeiro, “foi construída polos fillos do mar”.

Aos 30 anos marchou por dous anos á mariña mercante. Alí tivo a oportunidade, como tantos compañeiros de A Guarda, de coñecer mundo. Percorreu os portos da Europa comunista, os de América Central e do Sur, mais foi nos Estados Unidos onde comprobou nas conversas con mariñeiros dese país que había outra forma de vivir o oficio, sen o vencello á miseria.

Laudelino formou parte das “cuarteladas” no río Miño onde as flotas galegas e portuguesas se coordinában na pesca sable. Navegou o Miño e a costa atlántica tantas veces que é capaz de recoñecer a case totalidade dos topónimos e talasónimos do lugar. A súa implacable memoria é capaz  de recitar, sen esquecementos, os nomes da flota de barcos a vapor, gamelas e mariñeiros que transitaron A Guarda desde a posguerra.

Close Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *