Manuel Cadilla Rodríguez (1937)

Manuel Cadilla Rodríguez (1937) Mariñeiro, armador

Manuel Cadilla Rodríguez (1937) Mariñeiro, armador

de pequenos durmíamos
tapados coas velas
das gamelas.

Traballou no mar dende os 9 anos até hai pouco “cando me xubilaron”, sostén con ironía Manuel.

Cando o seu pai o botou ao mar, debeu deixar a escola, instrución que continuou máis tarde con clases nocturnas. Até os 19 anos traballou na empresa familiar, na pesca artesá de baixura. Lembra os nomes das gamelas do seu pai, África (“a pequena”) e Aida, en honor a súa irmá, a máis grande.

Foi con redes á lagosta e, cando as redes “xa non daban”, traballou coas nasas. Primeiro, na costa de A Guarda, e máis tarde en Portugal. En Montedor tivo a primeira experiencia cunha tormenta de verán que o mantivo cinco días nun “pinidín”, durmindo na area, nunhas chabolas.

Como todo home do mar da época na que non se traballaba con radares nin GPS, é experto en marcas. Un conxunto de saberes que, tomando accidentes xeográficos ou puntos visibles da costa, permitían botar as artes ou situar lugares de pesca nas láminas de auga, en base a un sistema de triangulación “invisible” ao mundo material, só rexistrados na memoria dos mariñeiros. “Bueno, algo se apuntaba” sinala con humildade e entre risas. Sobre todo ,se se botaban varias “caseas” era necesario levar algún tipo de apuntamento para non esquecer.

Close Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *