O argazo

A recollida do argazo nace como unha actividade complementaria á agricultura e vencellada aos seus ciclos, co fin de estercar as leiras. O oficio remóntase en séculos na franxa costeira que vai dende Panxón (Nigrán) até o Miño. Con destino a abonar leiras propias ou para a súa venda, o argazo reforzou historicamente a economía familiar do litoral atlántico.

Apañado no mar ou en terra, o proceso de recolleita amósase case invariable na actualidade, tanto no que se refire á extracción, apeiros, localización e especies, coa única excepción da variedade “xerez” (Gelidium sesquipedale) que dende a década dos anos 80 do século pasado, é seleccionada e procesada cara a industria farmacéutica e cosmética .

A apaña “a flote” practicada na antigüidade recollía o argazo no mar utilizando gamelas tripuladas principalmente por homes auxiliados por un “cramoeiro”, ferramenta que consistía nunha longa vara rematada nunha boca con rede. As mulleres tamén traballaban co cramoeiro dende as rochas da ribeira, onde os nenos e nenas cativos tamén colaboraban nos labores de apañado.

Na ribeira as principais protagonistas até a actualidade son as mulleres que recollen o argazo botado polo mar sobre rochas ou nos areais. Traballo que fan normalmente á luz do día, e sempre coa marea baixa.  Amoreado en grupos, o argazo é posteriormente espallado nun tendal afastado do mar onde comeza o proceso de secado. As mans das argaceiras auxiliadas por “cavóns” e “ghanchas” son as ferramentas utilizadas neste oficio.

A recolla do xerez comeza a mediados de outubro “no Pilar”, en A Gudela, e termina na Ribeira, no mes de marzo. Aínda que segundo as argaceiras, fontes deste calendario, a tempada remata “cando ao mar lle dá a gana”.
A escasa rendibilidade económica unida ás duras condicións nas que se exerce este oficio artesanal ten provocado unha grave diminución no relevo xeracional neste eido. Motivo polo cal a súa continuidade presentase incerta, co perigo da perda non só das destrezas, tamén dos campos de coñecemento asociados ao mundo do arghazo como son: a toponimia, a talasonimia, ou a cultura mariñeira,… entre outros.

Close Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *