O Proxecto

 

O proxecto realizado no Concello de A Guarda, entre novembro de 2012 e setembro de 2013, consistiu na realización dun estudo e inventario das persoas e grupos de portadores da cultura marítima que se poden considerar “tesouros vivos” do patrimonio marítimo.

Este proxecto, presentado polo Concello de A Guarda, que forma parte do GAC 7 Ría de Vigo – A Guarda, obtivo deste organismo parte do financiamento para a súa execución. A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! foi a encargada de realizar os traballos que se contemplaban no proxecto inicial. Tal como se recollía no plano presentado, contouse coa colaboración  da Confraría de Pescadores Sta. Tecla de A Guarda, a Asociación de Redeiras Atalaia do Baixo Miño e a Organización de Palangreiros de A Guarda.

Os centros educativos foron e serán partícipes deste proxecto, levando ás aulas os saberes destes “tesouros vivos”. Un equipo profesional encargouse de documentar as entrevistas con estas persoas e grupos para a relación dos traballos finais.
Ademais destas accións, os tesouros vivos participaron en actos e actividades de recoñecemento social onde foron valorizados os seus saberes e habilidades.
Trátase dun plan de transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués que o Concello de  A Guarda está a implantar con esta primeira acción que será completada noutros ámbitos do patrimonio.

Entre as medidas que se incluíron neste proxecto contemplouse a identificación, a documentación, a investigación, a  preservación,  a  protección,  a promoción, a valorización, a transmisión -basicamente a través do ensino formal e non formal- e a revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos segundo recomenda a Convención da UNESCO para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial no seu artigo 2.3.

Durante o proceso de realización dos traballos puidose constatar a boa disponibilidade tanto das asociacións como das entidades a participar no proxecto. Esta colaboración permitiu desvelar novas informacións que aportaron achegas importantes desde o punto de vista etnográfico e antropolóxico.
Tamén se puido constatar que estes “tesouros vivos” posúen materiais e obxectos relacionados cos seus saberes que fixeron aportacións significativas para ilustrar os seus coñecementos así como fotografías sobre as súas actividades.
Constatouse que nalgúns casos, o proceso de transmisión destes saberes xa se rompeu pola simple desaparición das persoas portadoras do oficio ou saber tradicional, como é o caso dos veleiros. Aínda así, encóntranse referencias e testemuñas que teñen un importante valor e que deben ser recollidas. Noutros casos, ao quedar só unha persoa como detentora dos coñecementos é urxente e imprescindible rexistralo e transmitilo ás novas xeracións.

A finalidade do proxecto é a posta en valor dos saberes destes portadores que deben ter un recoñecemento social e posiblidade de transmitilos.

  • Ámbitos da  cultura marítima que foron abordados no proxecto:
  • Argazo
  • Redeiras – Atadeiras
  • Cordelería
  • Carpintaría de ribeira
  • Marisqueo
  • Pesca tradicional artesanal
  • Pesca altura

A cultura agro-marítima presenta no espazo litoral unha ampla variedade de expresións culturais que se foron transmitindo de xeración en xeración adaptándose á realidade social de cada momento. Un vasto conxunto de actividades foi desenvolvido pola comunidades do litoral galego e do Norte de Portugal. Desde a recolla do argazo á pesca artesanal pasando pola construción de embarcacións, a elaboración das velas  ou a realización e reparación de redes e artes de pesca.

Na maior parte dos casos, a adaptación ao medio ecolóxico levou a unha explotación dos recursos naturais potenciando os seus beneficios e salvagardando a súa sustentabilidade.

A relación particular que estas comunidades mantiveron ao longo dos séculos co mar está ben representada nas construcións, na talasonimia, na organización comunitaria e na participación da muller como unha actora esencial no sustento das familias. Todas estas referencias culturais encóntranse presentes na tradición oral e nos saberes tradicionais. É a través  das fontes orais como se pode coñecer a verdadeira historia dun pobo, a través das testemuñas de persoas e comunidades que explican e documentan unha forma de vida, unha forma de apropiación do medio natural onde se inseren.
A historia dos pobos debe poñer en valor o poder transformador das persoas, dos suxeitos singulares e colectivos.

Os seus relatos deben recollerse a través de novas fontes, non únicamente escritas senón tamén audiovisuais ou iconográficas.

O patrimonio inmaterial é a expresión máis identificadora dun pobo e como tal non pode  separarse do patrimonio material que reprensentan os bens de carácter moble ou inmoble. As expresións e saberes de carácter inmaterial producen bens materiais e tamén moitas das construcións materiais son o resultado dun proceso de coñecementos e técnicas transmitidas oralmente.

O artigo 2 da Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, adoptada o 17 de outubro de 2003 pola UNESCO establece que o patrimonio cultural imaterial infunde ás comunidades, grupos e individuos un sentimento de identidade e de continuidade, asegurando e aumentando a diversidade cultural.

Un dos medios máis eficaces para levar a cabo a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial consiste en garantir que os detentores de devandito patrimonio prosigan co desenvolvemento dos seus coñecementos e técnicas e  as transmitan ás xeracións máis novas. Tendo isto presente, os detentores do patrimonio deben ser identificados e gozar de recoñecemento social e tamén oficial.

Close Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *