O tesouro da Guarda

Reportaxe en Culturagalega.org do Consello da Cultura Galega

Un documental. Un libro. Un web. Recuperación de memoria de oral. Compilación de fotografías antigas. O Concello da Guarda daba a coñecer este outono Tesouros vivos do mar un proxecto co que, a semellanza doutros municipios, pretende pór en valor os coñecementos dos maiores. No entanto, esta iniciativa, coordinada desde Ponte… nas ondas! pretende ser moito máis do que isto, e preséntase como o comezo dun ambicioso programa.Ao longo de preto dun ano, entre novembro de 2012 e setembro de 2013 A Guarda acolleu os traballos de investigación do proxecto Tesouros Vivos do Mar. A Asociación Ponte… nas ondas! coa colaboración municipal e do Grupo de Acción Costeira 7 Ría de Vigo-A Guarda realizou unha pescuda o patrimonio inmaterial deste concello atendendo aos saberes relacionados co mar e tirando un lote de material que agora pon accesible nunha web, nun libro e mais nun documental. “Temos máis de doce horas de entrevistas gravadas”, explica Pedro Telmo, coordinador do proxecto. Un material que se publicará en parte na rede e que se integrará nos fondos do museo local, dispoñible para todos os investigadores interesados. Para alén diso, no web da iniciativa pode verse íntegro o documental que recolle unha selección destes fondos, o libro, diferentes vídeos temáticos e moitos máis contidos.

O que se garda
Do trallo de recollida que se realizou no proxecto, Telmo ve difícil destacar nada. “Hai moita historia de vida. Aínda que o traballo estaba orientado inicialmente ao oficio en si, é moi difícil desligalo da propia experiencia vital. E entón en case todo o proceso se recolleron anécdotas relacionadas co traballo e co xeito de vida que se levaba antes. Foi un labor moi enriquecedor a nivel profesional e persoal, supuxo afondar de cheo na vida de vinte e pico persoas”. Dentro do material, no entanto, apunta que “sorprende sempre cando che contan como desenvolvían o traballo. Cousas que a xente hoxe dá por feito como os faros e os sistemas de medición para se guiar no mar non existían. Esta xente cando comezaba a traballar ía a remo e a vela e os sistemas de guía eran as marcas de terra, as pedras e os fachos que acendían familiares desde a costa cando había días de chuvia e de néboa”. Canda a isto, apunta as penosas condicións de vida de moitas familias. “No inverno non podían saír ao mar porque as embarcacións non estaban preparadas para a chuvia e o vento, e pasaban o tempo nas casas. A xente que non tiña leira nin outro tipo de sustento máis que o mar tiña que buscar alternativas para subsistir, na maioría dos casos a mendicidade. Había casos nos que trocaban peixe no verán a cambio de que nas inverneiras puidesen ter un anaco de touciño, unhas berzas algo que lle botar á auga de caldo”.

A busca dos tesouros
Unha peculiaridade deste proxecto é a metodoloxía que se seguiu. Do mesmo xeito que noutras das súas actividades arredor do patrimonio inmaterial, Ponte… nas ondas apostou na Guarda por identificar os Tesouros Vivos, é dicir as persoas cun especial coñecemento dos saberes tradicionais ou con máis capacidade para o dar a coñecer. Neste proceso buscouse a implicación da sociedade local. “Unha premisa importante é contar con eles”, explica Santiago Veloso, presidente de Ponte… nas ondas!. “Traballamos coa confraría, coas redeiras ou coa asociación de armadores, e foron eles os que nos dixeron con quen falar. Non se trata de que chegue un grupo de expertos e seleccione a quen lle pareza mellor, son a propia sociedade que di quen sabe e qué coñece cada persoa. Isto supón un proceso moi satisfactorio tamén para eles”, lembra.

Persoas que son patrimonio
Antonio Adrover González, Carmen Baz Rodríguez, Juan Castro Barcia, Manuel Cadilla Rodríguez, Manuel González Dadín, Mercedes Lomba Baz, Luis Acevedo Pacheco, Laudelino Rodríguez Pérez, Enrique Gómez Maya, e Mª del Mar Martínez Blanco. Todos eles guardeses e guardesas nados entre 1928 e 1946 foron os principais informantes do proxecto. Segundo explica Pedro Telmo, “fixemos varias entrevistas a cada un, as primeiras para rachar o xeo, e destas fomos vendo que daba o perfil e facendo unha selección. No entanto, ao final non quixemos deixar de lado a ninguén e todos foron recoñecidos como portadores do patrimonio”. Nun acto o pasado mes de outubro o concello outorgoulles aos participantes un diploma que os acredita como transmisores do patrimonio. Non é esta, no entanto, a única homenaxe que van recibir. Segundo explica Santiago Veloso, “algo que foi moi importante deste traballo é que o Concello da Guarda vai aprobar o regulamento para recoñecer os Tesouros Vivos a nivel oficial, tal e como recomenda a UNESCO. É o primeiro concello a nivel estatal que os recoñecerá como parte do seu patrimonio cultural”. Este recoñecemento producirase a partir do vindeiro ano, e será entón cando estes informantes vaian acadando, en diferentes nomeamentos, a categoría oficial de Tesouros Vivos.

Materiais e perdas
Para alén de achegar os seus testemuños e lembranzas aos investigadores, estas persoas participaron xa en diferentes actos públicos e actividades escolares no concello nas que amosaron os seus coñecementos. Ademais de saberes, o proxecto verificou que estes informantes conservaban en moitos casos ferramentas e materiais dos seus antigos oficios e labores que permiten coñecer mellor este patrimonio.Segundo explica o propio web do proxecto, houbo ámbitos da vida mariñeira como o traballo dos veleiros que xa non se puideron documentar desta xeito pola desaparición das últimas persoas que os lembraban.

Continuación
Fóra de rematar aquí, Santiago Veloso,apunta que esta iniciativa “supón o comezo de algo máis amplo que é o sistema dos Tesouros Vivos. Con este proxecto traballouse o ámbito da cultura marítima. Agora o Concello quere seguir coa agraria, o ciclo festivo anual, as festas e os saberes tradicionais e a oralidade. Trátase de continuar os ámbitos que bosquexamos coa candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO”. Nese sentido, a Câmara Municipal de Caminha xa se amosou interesada en coller o relevo da Guarda nos vindeiros meses. Segundo lembra Telmo “polo momento o que está feito fica xa recollido. Hai dúas semanas morreu un dos informantes, e outros cos que falamos dicíannos que menos mal que cando menos quedou aí e fica gardado”.

Fío da reportaxe http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=23635

Close Comments

Comments are closed.