Os tesouros vivos

Os “Tesouros Humanos Vivos” son individuos que posúen en sumo grado as habilidades e técnicas necesarias para crear ou producir determinados elementos do patrimonio cultural inmaterial en tanto que testemuñas das súas tradicións culturais vivas e do talento creativo de grupos, comunidades ou individuos presentes no seu territorio. En xeral, podemos considerar a estas persoas portadoras que manteñen e transmiten as diversas expresións do patrimonio inmaterial.
O patrimonio cultural inmaterial galego-portugués maniféstase nos seguintes ámbitos:

  • a) As tradicións e expresións orais, incluído o idioma como vehículo do patrimonio cultural inmaterial
  • b) O ciclo festivo e ritual anual
  • c)  A cultura agraria
  • d) A cultura marítima
  • e) Os saberes e técnicas artesanais tradicionais

Un “tesouro vivo” debe representar para a comunidade onde se desenvolve un referente do seu patrimonio. O seu saber contribúe ao mantemento da identidade cultural da súa comunidade e representa un valor a preservar como mostra da diversidade cultural.
Os tesouros vivos  son persoas que gardan na súa memoria un inmenso patrimonio inmaterial, patrimonio que desexamos recuperar e conservar. Son persoas portadoras en dous sentidos: por unha banda, deben a súa importancia á memoria das testemuñas que gardan e por outra, son valiosos como protagonistas indiscutibles de feitos e accións que contribúen á conformación da historia da comunidade.

Algunhas das expresións deste patrimonio xa desapareceron ou están na memoria dunhas poucas persoas. A tendencia uniformizadora da sociedade actual, facilitada polos avances da comunicación e a información,  fai que unha cultura internacional estándar ameace as expresións e as manifestacións deste patrimonio inmaterial.

Close Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *