Un proxecto europeo amosa en Estonia a labor dos marñeiros de A Guarda

A asociación “Ponte… nas ondas” presenta o traballo sobre a actividade tradicional relacionada co mar – A iniciativa pretende preservar os coñecementos e saberes.

EVA GONZÁLEZ Os Tesouros Vivos do Patrimonio Marítimo da Guarda pasan a ser unha referencia europea documentada e preservada. O traballo das “redeiras”, o de carpinteiría de ribeira ou o que realizan aínda as “argaceiras” na recolección de algas, son algúns dos aspectos que contén o traballo que presentará en Estonia a asociación “Ponte… nas ondas!” , desde hoxe até o día 26, nas xornadas de traballo do grupo europeo Grundtvig Grand Treasures, do que forma parte e no que vén traballando desde hai dous anos.

O grupo europeo está formado por entidades de Polonia, Grecia, Letonia, Estonia, España e Portugal que se centran en traballar co patrimonio cultural inmaterial nos seus países.

Santiago Veloso, presidente de “Ponte… nas ondas!”, xunto ao secretario Gerardo Feijoo e a vogal Chus Álvarez, serán quen realicen as explicacións previas sobre o labor realizado neste proxecto que foi seleccionado polo Grupo de Acción Costeira 7, destacando “a importancia de preservar os coñecementos e os saberes das persoas portadoras”. Nesta iniciativa colaboran colectivos relacionados co mar no municipio guardés, como son a Confraría de Pescadores, as “redeiras”, armadores, carpinteiros de ribeira, recolectores de algas e mariscadores.

Como explica Santiago Veloso, o proxecto de recoñecemento dos saberes dos Tesouros Humanos Vivos é un programa proposto pola Unesco para a preservación e transmisión dos saberes tradicionais que teñen nas “persoas portadoras” o seu principal soporte. No caso de A Guarda, unha delas é a “argaceira” Mercedes Lomba Baz e tamén o é un carpinteiro de ribeira.

O sistema desenvolverase en varias fases. Nesta primeira procédese á recollida e identificación centrada no patrimonio marítimo. Un exemplo é o labor insubstituíble que realizan as “redeiras” na reparación de diversos tipos de redes, seguindo unha tradición ancestral. Outro oficio singular é o de carpinteiro de ribeira, cada vez con menos xente especializada. No caso das “argaceiras”, na actualidade as algas teñen uso gastronómico, serven para elaborar cosméticos e produtos farmacéuticos.

Outras fases do sistema abordarán no futuro a cultura agraria, o ciclo festivo anual, lingua e literatura oral, e saberes tradicionais.

Ao final, estará a disposición unha páxina web con todo o contido e ficha de cada Tesouro Vivo. A temática traballarase en centro educativos, editarase un libro con extracto de saberes, haberá un documental e o recoñecemento público de “Tesouros vivos” .

Fonte – Faro de Vigo

Close Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *